Friday 29 de March de 2024

Moeche e San Sadurniño asinan o convenio para reparar a ponte do Sixto, en espera dos permisos de Augas de Galicia


Vai para un ano que a ponte do Sixto, entre Moeche e San Sadurniño, está cortada ao tráfico por causa do perigo de derrubamento. E vai tamén case para un ano que ambos concellos se citaron alí con técnicos de Augas de Galicia para ver cal era a solución máis axeitada para as obras de reparación, cuxa execución está condicionada á autorización previa por parte do propio ente autonómico e do informe favorable da Dirección xeral de Patrimonio Natural. Os permisos da Xunta non chegaron aínda -prevese que o fagan en breve- e, hoxe mesmo, o Concello de Moeche e o de San Sadurniño asinaron o convenio de colaboración para financiar conxuntamente os traballos e poder avanzar na parte administrativa. O proxecto está orzamentado en 38.017,49€, ive incluído.

O seu sería que as obras se licitasen unha vez que Augas de Galicia enviase a autorización para levalas a cabo, segundo o proxecto proposto por ambos concellos. Un proxecto que se elaborou seguindo as recomendacións técnicas adiantadas polo organismo dependente da Consellaría de Infraestruturas co obxectivo de que puidese chegar á Xunta o máis afinado posible e sen que fose necesario introducir modificacións que o demorasen aínda máis.

Por esta razón, en previsión de que o deseño pase pola Xunta sen obxeccións, ambos concellos decidiron deixar xa lista a parte da colaboración intermunicipal e da licitación das obras, “á espera de que Augas de Galicia mande os permisos necesarios”, comenta Beatriz Bascoy. A rexedora, quen suscribiu esta mañá o convenio de cooperación con Secundino García, confía en que o proxecto remitido á Xunta obteña a autorización “sen necesidade de cambios, posto que se redactou seguindo as indicacións técnicas de Augas”.

O que si quixo deixar claro a alcaldesa é que “sen os permisos de Augas de Galicia -con informe favorable de Patrimonio Natural- non é posible iniciar as obras”. “Con todo (prosegue Bascoy) o que si podemos é avanzar na parte administrativa, como é este acordo para financiar as obras ao 50% entre os dous concellos e comezar co trámite da licitación”.

A obra consistirá, a grandes trazos, na construción de dous muros de escolleira en ambas marxes do regato sobre os que despois se asentará unha plataforma de formigón armado de 6,80 metros de longo por 3,50 de ancho e dotada con varandas metálicas de protección que antes nin sequera existían.

Os traballos están orzamentados en 38.017,39 euros, ive incluído, que serán custeados ao 50% polos dous concellos, no caso de Moeche con cargo a remanentes de Tesouraría.

O pontigo do Sixto fai de paso sobre un dos afluentes do río das Forcadas e comunica os lugares do Piñeiro, na parroquia de San Xoán, e do Carbeiral, xa en Bardaos. A estrutura construiuse hai case 50 anos e levaba tempo dando sinais de debilitamento, debido principalmente ao paso de maquinaria pesada. A detección o outono pasado dunha fenda na plancha obrigou a Moeche e San Sadurniño a cortar o tráfico por motivos de seguridade tanto para o tránsito de vehículos como de viandantes.

Desde o Concello de Moeche agárdase que as autorizacións da Xunta para as obras de reparación “cheguen o antes posible” e que o proceso de licitación e adxudicación, do que se encargará o Concello de San Sadurniño, “se axilice para que as obras non se metan no inverno”.